A Asociación

A Asociación Sindical Gallega de Matronas constituiuse o 17 de decembro de 1984 na Coruña, promovida e representada por Rosalina Celada Juan como Presidenta, Elvira Comesaña Castro (Vicepresidenta), Yolanda Goyanes Carro (Secretaria), Mercedes Vazquez García (Tesorera), e como vogais: Felisa Otero Otero, Josefina Carracedo Prado, Mª Blanca Bravo López e Pilar Alaez Couceiro.

Expediuse na Coruña e rexistrouse na Consellería de Traballo, Seguridade Social e Emigración, actualmente Consellería de Xustiza Interior e Relacións Laborais. É unha entidade sen ánimo de lucro, que está formada por profesionais con Título de Matrona ou Enfermeira Especialista en Xinecoloxía e Obstetricia.

O 14 de marzo de 2008, en Asemblea Xeral Extraordinaria, apróbase a creación da Asociación Galega de Matronas (AGAM) de forma que o activo da Asociación Sindical Gallega de Matronas se traspasa a AGAM, desta forma apróbase un novo articulado dos estatutos da asociación acordes á lexislación actual, Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e polas demais leis existentes.

A Asociación nace como unha experiencia ilusionante e pioneira no ámbito español despois da desaparición do Colexio de Matronas, que nos fixo perder a representación nas estruturas sanitarias. Desde entón sentimos a falta de apoio e representación por parte das Organizacións Colexiais e Sindicais, motivo en gran parte, dos problemas das Matronas nos últimos 25 anos.

A día de hoxe, a publicación desta páxina, confirma que a súa existencia despois de máis de 25 anos non só é útil, senón que xa se convertiu en algo necesario para manter representadas e unidas ás Matronas Galegas.

O presente das matronas en Galicia quizais se resuma no pouco recoñecemento que ten esta profesión, pero pouco a pouco, o noso traballo vaise acomodando ós novos tempos e grazas ó traballo dun bo número de Matronas, demostramos que estamos preparadas para asumir o Plan de Atención Integral á Saúde da Muller de Galicia, aínda que as nosas funcións non se definen polo SERGAS e están mediatizadas e mesmo cuestionadas por certos sectores da profesión médica.

A nivel lexislativo existe unha normativa que regula as directrices para a formación e funcións da Matrona nos países membros da Unión Europea e tamén a nivel nacional. Por este motivo, con vontade, coñecementos e determinación, temos que seguir loitando polo que somos e por todo aquilo ó que cremos ter dereito, xa que ninguén o fará por nós. Somos poucas, pero estamos crecendo e queremos ocupar o lugar que merecemos.

 

 

Enderezo


Ver máis grande

Back to Top